A peza, que será representada en Santiago o día 17 no Teatro Principal e o día 18 no Auditorio Teatro Afundación de Vigo, estará interpretada pola Escolanía da Catedral de Santiago e a Orquestra Praeludium baixo a dirección escénica de Cándido Pazó
Santiago, 12 de decembro de 2016.- A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, coa colaboración da Asociación de Amigos da Ópera de Vigo, estreará neste mes de decembro Brundibár (O abellón), unha ópera infantil ambientada na antiga Checoslovaquia no marco da Segunda Guerra Mundial. A obra, dividida en dous actos e composta por Hans Krása (1899-1944), será interpretada o día 17 de decembro ás 20.00 horas no Teatro Principal de Santiago e o día 18 ás 17.30 horas no Auditorio Teatro Afundación de Vigo pola Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela e a Orquestra Praeludium, mobilizando así a máis de sesenta músicos no escenario.
A dirección de escena recae en Cándido Pazó, quen ademais se encargou da adaptación do texto xunto Fernando Reyes, mentres que Katerina Vlasakova e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago realizaron a tradución ao galego. As entradas para a función de Compostela xa están á venda a un prezo de 5 euros na billeteira do propio Teatro Principal. Pola súa banda, os billetes para a función en Vigo pódense adquirir a 10 euros a través da billeteira virtual de Abanca: ataquilla.com
Brundibár (O abellón) é unha ópera infantil ambientada na antiga Checoslovaquia que narra a loita de dous irmáns, Aninka (Aniña) e Pepicek (Pepiño), por conseguir os cartos precisos para mercar leite e, dese xeito, axudar na recuperación da súa nai doente. Brundibar é o antagonista da peza e personifica o egoísmo, o abuso do poder e o autoritarismo fronte os valores de solidariedade, compañeirismo e a defensa da contorna afectiva encarnadas polos dous irmáns.
Brundibár foi representada 55 veces en Terezín, unha antiga cidade fortaleza da actual República Checa, reconvertida durante a II Guerra Mundial nun gueto para os xudeus. Alí a reescribiu o seu compositor, Hans Krása, quen colaborou activamente na súa representación mentres estivo confinado e antes de ser deportado a Auschwitz, onde foi asasinado polo III Reich.

60 músicos no escenario
Brundibár reunirá no escenario a máis de setenta músicos, ao contar coa participación da Escolanía da Catedral de Santiago e a Orquestra Praeludim. A Escolanía da Catedral, dirixida por José Luis Vázquez, é un dos coros máis antigos da cidade. Refundada no ano 2008 por iniciativa do Cabido, a Escolanía está formada por uns corenta nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 17 anos. Pola súa banda, a Orquestra Praeludium é unha formación fundada en 2014 en Compostela, dirixida por Mateo Iglesias Seoane e está conformada por seccións de vento, corda e madeira.
O corpo artístico de Brundibár complétase co propio Cándido Pazó quen, ademais de exercer como director escénico e de colaborar na adaptación da obra, tamén subirá ao escenario e integrará un monólogo baseado nesta peza, cuxo libreto pertence a Adolf Hoffmeister. Pazó é un dos grandes nomes das artes escénicas galegas. Dramaturgo, director de escena e narrador oral, Cándido Pazó (Vigo, 1960) ten escrito un gran número de textos teatrais como son Binomio de Newton (2004), García (2005), A piragua (2008) ou As do peixe (2014). No seu haber, conta cun gran número de galardóns, entre os que se poden destacar cinco Premios de Teatro María Casares ao texto orixinal e o Premio Max ao mellor texto orixinal en lingua galega.
Brundibár está producida pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, en colaboración coa Asociación de Amigos da Ópera de Vigo e co apoio da Concellería de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Consellería de Cultura e Educación, a Comunidade Xudea de Galicia e o Centro Checo.
Hans Krása
Nacido en Praga o 30 de novembro de 1899, Krása foi un destacado compositor e músico chego-alemán. Estudou violín, piano e composición en Praga, xunto a mestres como Alexander von Zemlinsky. Ao terminar os seus estudos, trasladouse a Berlín, onde traballou durante algún tempo na Kroll Oper. En 1921 celebrou o seu primeiro gran éxito como compositor cos seus catro lieder para orquestra con textos de Christian Morgenstern. Estreou a súa sinfonía en 1923 en Boston. Ademais, compuxo numerosas obras de cámara e vocais. En agosto de 1942, Hans Krása foi deportado ao campo de concentración de Terezín, onde representou 55 veces a súa ópera Brundibár. O 16 de outubro de 1944, Krása foi introducido nun vagón con destino a Auschwitz, onde foi asasinado na cámara de gas.



