A Ópera, que se poderá tamén seguir por ‘streaming’ dadas as restricións de aforo, será representada en dous dos tres papeis principais polas gañadoras do II Concurso de Canto Compostela Lírica: Olga Syniakova e Beatriz de Sousa
Esta versión da famosa ópera de Gluck adáptase ás circunstancias sanitarias, polo que o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia non subirá ao escenario por ser imposible manter as medidas de distancia e gravaron previamente as súas intervencións con máscara no Estudio Mans.
Mércores, 4 de novembro.- A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela e a Real Filharmonía de Galicia coproducen a ópera Orfeo e Eurídice, que se estreará mañá xoves 5 de novembro ás 20.30 h. nun Auditorio de Galicia que adaptara, por suposto, os seus accesos e a súa capacidade ás restriccións de aforos marcadas polas autoridades sanitarias, tal e como se recolle na normativa que se pode consultar no web www.compostelacultura.gal. E o mesmo pasará enriba do escenario, onde o Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia formará parte desta adaptación da famosa ópera de Gluck, mais non subirá ás táboas por mor da imposibilidade de cumprir coas medidas de distancia social pertinentes. Os seus integrantes gravaron con anterioridade nos Estudos Mans da Coruña as súas intervencións cunha sesión na que se empregaron, seguindo escrupulosamente a normativa fronte ao covid-19 referente a coros e o grupos de canto, máscaras. Deste xeito, integraranse as voces solistas e os instrumentos en directo coa gravación “en diferido” do Coro da Orquestra Sinfónica. Ademais, o concerto emitirase en directo por streaming a través da canle de Youtube da Real Filharmonía de Galicia, no seu Facebook ou na plataforma Tolemias .
Por outra banda, cómpre destacar que dous dos tres papeis principais serán representados polas gañadoras do II Concurso de Canto Compostela Lírica, organizado pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago: a cantante ucraína Olga Syniakova no rol de Orfeo e a portuguesa Beatriz de Sousa no rol de Amore.
Orfeo e Eurídice é unha das composicións máis coñecidas do compositor xermano Christoph Willibald von Gluck, que data de 1762 e que retrata o mito clásico de Orfeo cunha peza na que asumen o protagonismo os personaxes do propio Orfeo (contralto), Eurípides (soprano) e Amore (soprano). Complétase o libreto, orixinario do poeta transalpino Raniero di Calzabigi (1711-1795), coa participación de coros.



